A Coruña será o escenario central das celebracións con motivo do Día das Letras Galegas 2024. A escritora coruñesa Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) é a figura homenaxeada este ano, coincidindo co 20 aniversario do seu falecemento. A alcaldesa, Inés Rey, explicou que a elección de Villalta por parte da Real Academia Galega «é un orgullo para A Coruña como cidade», e que Villalta é «a mellor expresión desa Coruña dos barrios que fai universal a Falperra, o barrio do Gurugú».
En canto á programación arredor do Día das Letras Galegas, o Concello avanzou que as celebracións institucionais de Galicia terán a súa sede na Coruña. O 17 de maio, ás 10.30 horas, abrirase ao público unha exposición sobre Luísa Villalta, organizada polo Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Trátase dunha mostra itinerante que pasará polas principais cidades de Galicia e que iniciará o seu percorrido na sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita. Logo da apertura da exposición, levarase a cabo o acto institucional na praza de María Pita, xunto coa familia da escritora, e rematará cunha actuación musical. Ademais, logo dos actos, a Real Academia Galega desenvolverá un plenario no Teatro Rosalía de Castro.
As actividades con motivo das letras comezarán este venres 10 de maio ás 21.00 horas, co concerto de Familia Caamagno no Centro Sociocultural Ágora. Entrada de balde con invitación. Ademais, o 16 de maio haberá unha dobre cita musical. Ás 20.00 horas, a Banda Municipal de Música ofertará un concerto especial no Centro Sociocultural Ágora; e ás 20.30 horas no Teatro Colón, o Consello da Cultura Galega estreará a peza «Concerto para un home só», unha obra orixinal do compositor Federico Mosquera con texto de Luísa Villalta.
Ademais, durante todo o mes de maio faranse agasallos aos nenos e nenas, co obxectivo de divulgar a figura de Luísa Villalta e a lingua galega entre os máis pequenos. Repartirase o libro ‘A nosa estrela’, de Susana Villalta, irmá da poeta, que relata neste conto ilustrado como era a vida de Luísa cando era pequena. Tamén o libro ‘Tinta do mar’, pequena biografía da poeta.
Xa o pasado mes de marzo, con motivo do Día da Poesía leváronse a cabo dez obradoiros sobre Luísa Villalta nas diferentes bibliotecas, coñecendo á poeta e o seu vínculo emocional coa cidade. Tamén na programación de Lecer no Ágora e Fórum, cuxos programas contan cun monográfico sobre Luísa Villalta, da man do colectivo A Sega, para coñecer a Coruña da escritora.
A alcaldesa, Inés Rey, tamén avanzou a publicación dunha edición especial da obra En concreto (2004) de Luísa Villalta, obra póstuma da escritora e que fora presentada o 8 de agosto de 2004 na Feira do Libro da Coruña. Rey explicou que a poesía é a faceta máis coñecida da poeta, aínda que cultivou tamén teatro, narrativa, traducción e ensaio tanto en obras individuais como colectivas. «Son varias as obras poéticas publicadas pola escritora, todas elas recollidas na antoloxía poética Pensar é escuro (2023). Con todo, penso que a máis especial é En concreto (2004), publicada póstumamente e dedicada á Coruña».
Rey anunciou que o Concello da Coruña publicará, xunto con Xerais, unha reedición do poemario, con fotografías de Xurxo Lobato e textos de Estíbaliz Espinosa. «Esta é outra maneira de facer cidade coa que esperamos achegar unha oportunidade única para que o público lea e sinta á poeta da Cidade Alta», sinalou. A alcaldesa reivindicou a fonda pegada na traxectoria artística de Luísa Villalta, muller comprometida políticamente e cun marcado activismo en prol da cultura e da lingua.