Bilbao converteuse onte no epicentro da gastronomía da provincia da Coruña, que triunfou entre os máis de 100 asistentes ao evento «A Coruña cos 5 sentidos», que a área de turismo da Deputación da Coruña celebrou no Palacio Euskalduna. Entre o público, atopábase tamén a deputada floral de Transportes, Movilidade e Turismo, Sonia Pérez.
Trátase dunha acción enmarcada na campaña «A provincia que sabe» para poñer en valor a cadea agroalimentaria da Coruña, dende os produtores e produtoras locais ata os chefs, facendo da gastronomía o principal elemento de promoción turística do territorio.
Os chefs de A Artesa da Moza Crecha (Betanzos), Lolo Mosteiro e Paula Martínez, foron os encargados de confeccionar un menú de orixe protagonizado por produtos de quilómetro cero e de alta calidade como o mexillón do Barbanza, os percebes do Roncudo, a pataca de Coristanco ou o polbo de Mugardos.
Un menú que se completou coas degustacións dos produtos de Mariscos de Barallobre, A Despensa d’Lujo, Queixo Galmesán, Vila sen vento, Cafés Aruba, Costumes Galicia Empanadas, Bodegas Lodeiros, A Conserveira e Museo MEGA Estrella Galicia, e que conquistou os «5 sentidos» dos asistentes.
Todas as empresas produtoras que acompañaron á Deputación neste evento destacaron a «gran oportunidade» que supón poder exhibir a súa materia prima en foros como este, «moi profesionais e de gran valor para nós», onde, ademais de promocionar os seus proxectos, amosan a gastronomía da provincia a través dos seus sabores e saberes, «que representan a nosa mellor marca turística» en palabras do vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira.