A Mostra (S8) de Cinema Periférico volve situar a cidade da Coruña como referencia no ámbito cultural, tal como destacou na presentación do certame o concelleiro Jesús Celemín. O edil recordou que esta mesma semana presentáronse eventos tan significativos como o Encontro Mundial de Humorismo, o Festival Resis e o propio S8, mentres que estes días está en marcha o ciclo Cinema por Mulleres e, hai uns días, tivo lugar a Semana do Cinema Galego, certames todos eles que evidencian os conceptos de excelencia e calidade polos que aposta o Goberno municipal.
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico presentou este mércores as actividades, datas e sedes da que será a súa décimo cuarta edición, que se desenvolverá entre o 26 de maio e o 4 de xuño en cinco espazos da cidade, como a sala municipal de exposicións de Palexco, a Domus, a Fundación Luís Seoane, a Filmoteca de Galicia e a sede de Afundación. O (S8), referente nos eventos culturais de Galicia, tal e como referendou por sexto ano consecutivo o Observatorio da Cultura e a Fundación Contemporánea, reforza este ano a súa dimensión formativa e de apoio a proxectos cinematográficos, coa creación dunha nova convocatoria de bolsas remuneradas para o desenvolvemento de talentos emerxentes no ámbito da Unión Europea, que se suma ao resto de liñas de acción xa consolidadas.
Nesta décimo cuarta edición, o S8 desenvolve e fai medrar a súa dimensión formativa, de impulso, apoio, investigación e desenvolvemento de proxectos cinematográficos Será baixo o paraugas de eSe8_LAB, que neste 2023 consolida e amplía proxectos previos de profesionalización, titorización, estadías artísticas e formación a través dos programas INPUT, BAICC e Paraíso, e incorpora esta nova liña de bolsas, as bolsas eSe8_LAB, dirixidas a fortalecer a actividade formativa, o impulso á coprodución e ao desenvolvemento do talento emerxente, e que propiciará o desenvolvemento de proxectos cinematográficos nunha institución de prestixio na Unión Europea.
Con esta intención nace a colaboración co BALTIC ANALOG LAB (BAL) de Riga, un colectivo de artistas e un filmlab con sede na capital de Letonia, que xorde para producir, ensinar e inspirar, proporcionando un espazo para a creación, a aprendizaxe e a formación.
Esta colaboración dará como resultado novas coproducións internacionais que terán a súa estrea mundial na Coruña. Neste sentido, o S8 non é só unha mostra de cinema, senón tamén unha ferramenta de impulso do cine, á formación, á proxección de novos directores e directoras e ao intercambio de saberes e de sensibilidades, con liñas de acción de probado éxito xa en anos anteriores, que responden a unha necesidade do sector para un tipo de cinema de difícil distribución.
eSe8_LAB está financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.
Nesta edición do S8, o espazo de titorización personalizado de proxectos cinematográficos en desenvolvemento, INPUT, que se estreou en 2017 grazas á colaboración coa Fundación Luís Seoane para impulsar a profesionalización de creadores e creadoras e potenciar a formación, vertebración e xeración de redes dentro do sector cultural no país, duplica o seu alcance e participantes, ao aumentar de tres a seis o número de proxectos titorizados. Contará con seis profesionais de prestixio internacional para asesoralos e, ademais, ampliará o seu proceso de seguimento, con titorías en liña, máis alá das datas do festival.
Desde este mesmo 29 de marzo ao 24 de abril está aberto o prazo para a recepción dos proxectos candidatos a través da web www.s8cinema.com
Por outra parte, as Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC, que operan desde 2017 e que sitúan o S8 como o único evento a nivel estatal con estadías de creación cinematográfica, darán a oportunidade de participar nunha estadía de entre catro e seis semanas en Toronto, Canadá, para a produción dunha obra fílmica rodada en formato analóxico, grazas ao apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT), o que reafirma a forte aposta da Mostra pola produción e a creación artística en espazos alternativos e pola apertura a novas linguaxes cinematográficas.
O prazo para a recepción dos proxectos candidatos das residencia BAICC e ás Bolsas eSe8_LAB estará aberto a mediados de maio e ata mediados de xuño na www.s8cinema.com.
Inaugurada na edición de 2021 como espazo de encontro ao ensino e á nova creación desde un enfoque multidisciplinar e libre das Belas Artes, a sección Paraíso alcanzará neste 2023 unha nova dimensión coa participación de alumnado de Francia e Italia, ademais das Facultades de Belas Artes de Salamanca e Pontevedra, que xa formaron parte do S8 na pasada edición, e ás que se unirá alumnado da Universidade de Barcelona.
Ademais, esta edición suporá a apertura dun espazo de asesoramento profesional, no que o estudantado recibirá titorización personalizada e directa por parte de profesionais de recoñecida traxectoria. Paraíso conta coa colaboración da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, a Facultade de Belas Artes de Salamanca e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Barcelona.
Como nos últimos anos, o S8 inclúe na programación previa aos días da mostra unhas xornadas de cinema para centros públicos de ensino da cidade na Domus, que buscan ampliar as posibilidades de achegar o festival á xente moza, afianzando así o seu compromiso coa formación e creación de novos públicos. Farao a través dun ciclo de proxeccións para menores de entre 10 e 16 anos, composto por catro sesións ao longo do mes de maio, cuxa temática se move entre o social e o coidado do medio ambiente, achegando tamén obras de narrativa experimental.
Este ciclo conta coa colaboración da Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego da Coruña e contará coa participación de 300 mozas e mozos de diferentes centros de ensino da cidade.
Ademais, o S8 concibe o cinema como ferramenta de autocoñecemento e de exploración dos sentidos e as emocións e ese é o espírito de Xpresa, un programa didáctico cuxo obxectivo é impulsar a inclusión social. Dirixido a persoas de capacidades diversas ou en risco de exclusión social, estará impartido por cineastas de recoñecida traxectoria, para se conformaren como un mecanismo a través do que as e os participantes poidan experimentar e expresar o seu propio universo mediante a creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais, feitas a partir da intuición previa ao aprendido. O programa inclúe a presentación e proxección das obras fílmicas resultantes do obradoiro.
Nesta edición, o taller Xpresa, desenvolvido co apoio da Fundación Emalsa a través do programa de Cultura Accesible e Inclusiva, terá lugar unha vez rematado o festival, os días 16, 17, 18 de xuño, e contará coa participación de entidades locais como é o caso da Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) e da Fundación de Adultos Discapacitados da Coruña (ADCOR).
Esta décimo cuarta edición de S8 está organizada pola Asociación eSe8 co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA). O seu desenvolvemento é posible grazas ao programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española. Conta ademais co patrocinio da Fundación Luís Seoane e a colaboración de Afundación.