O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta tarde no pazo provincial as xogadoras do Real Club Deportivo Abanca, que veñen de acadar o ascenso á Liga F, primeira división do fútbol feminino español. Formoso felicitou a xogadoras, corpo técnico e directiva «por unha magnífica tempada, que remata co ansiado ascenso á máxima categoría».
O presidente provincial sinalou que «o vivido onte no estadio de Riazor foi unha boa mostra de que os coruñeses e as coruñesas apoian o fútbol feminino e que, sen dúbida, o Deportivo Abanca merece estar en primeira división». «Sodes un gran exemplo para todas as nenas da provincia, porque grazas ao voso esforzo e ilusión acadades grandes metas coma esta», engadiu o presidente provincial.
O equipo branquiazul vén de acadar o ascenso matemático a falta dunha xornada, despois da vitoria contra o Cacereño ante máis de 14.000 persoas, o que supuxo un récord de espectadores para un partido da segunda categoría. Desta forma, o Deportivo Abanca volve á elite do fútbol feminino tres anos despois do descenso.