A Coruña continúa dando pasos para a recuperación da Casa Cornide. Logo da aprobación da revisión de oficio das resolucións tomadas polo Concello en 1962 a pasada semana en Xunta de Goberno Local, o Concello levará ao próximo Pleno Ordinario o asunto para a súa aprobación, iniciando os trámites para a recuperación do edificio histórico, en mans da familia Franco.
Está previsto o encargo dun informe xurídico para reclamar a devolución da Casa Cornide ao patrimonio municipal cuxas conclusións amosaban que a transacción rexistrada non foi legal e que non cumpría cos requisitos e leis vixentes. Agora o goberno municipal inicia o procedemento en base ao informe xurídico co fin de anular os pasos administrativos dados en 1962 e que permitiron que a Casa Cornide acabara entón en mans do dictador baixo unha aparencia de legalidade.
O Concello xa instou ao Ministerio de Educación e ao Ministerio de Facenda a realizar unha revisión de oficio da permuta feita no seu día, a través da que busca anular dúas decisións: o alleamento da propiedade municipal aprobado o 3 de xullo de 1962 e a adxudicación en poxa da Casa Cornide aprobada o 2 de agosto dese mesmo ano. Unha vez aprobada polo Pleno, o Goberno municipal contará cun prazo de seis meses para resolver a revisión de oficio das dúas decisións tomadas polo Concello no ano 1962. Ademais, tamén se abre un prazo de 15 días para que as persoas interesadas presenten as alegacións que consideren.