O Concello da Coruña anunciou que dende este luns queda aberta a nova área de calistenia da praza José Toubes, no barrio de Catro Camiños
Este espazo, de nova creación, está localizado no sector norte da praza, nun punto que anteriormente era un espazo de lecer e descanso no que había un círculo central de céspede (o antigo areeiro) e que se recuperou agora para a práctica deportiva.
Nesta superficie xa se instalaron novos equipamentos para o exercicio ao aire libre, cos que as persoas usuarias poderán practicar actividade física usando o seu propio peso corporal. Habilitáronse circuítos de adestramento de fortalecemento muscular, con estruturas combinadas que inclúen barras de monkey-swing, un banco de abdominais inclinado e barras para o exercicio de tríceps. Tamén hai estruturas de barras paralelas, para flexións e push-ups.
A apertura da nova área de calistenia de José Toubes complementa as dotacións deportivas xa habilitadas polo Goberno baixo o viaduto de Alfonso Molina, onde a mediados do ano pasado abriuse ao público unha pista de skate e outra pista multideporte no sector que está fronte á igrexa de San Pedro de Mezonzo.