O goberno de Inés Rey parece decidido, por fin, a atender as necesidades que os veciños da Agra do Orzán levan reclamando dende hai anos. Dende o Concello ven de aprobarse a autorización para a tramitación do convenio relativa ao parque, polo que o barrio pasará a contar cunha superficie de uso público de preto de 5.000 metros cadrados. «Trátase dun convenio que asinaremos nas vindeiras semanas e que supón unha grande oportunidade para facer unha actuación de renovación urbana nun barrio que a precisa» explicou a rexedora.
A superficie total divídese en 1.319 m2 de espazo libre privado de uso público, correspondente á zona localizada entre as dúas edificiacións que se crearán fronte á avenida Gregorio Hernández coa rúa Gil Vicente; xunto con 3.514 m2 de solo cedido ao Concello para espazo libre do Parque, na parte posterior á edificación. O novo parque do Agra do Orzán linda coas rúas Gil Vicente, José Amador López, Canceliña e Observatorio.
Con este convenio garántese a apertura visual e o acceso peonil dende a Avenida de Gregorio Hernández cara o futuro Parque do Agra, coa adscrición para uso público da parte da parcela privada comprendida entre os dous edificios. Rey sinalou que co convenio increméntase a superficie de uso público de espazo libre no barrio. Ademais, de acordo coa cesión da parcela colindante, o convenio recolle a posibilidade de construción dun futuro aparcamento soterrado no subsolo, de titularidade e uso público.
Logo dos procedementos xudiciais, o Tribunal Superior de Xustiza categorizou parte da parcela privada como solo urbano consolidado, mentres que outra parte foi catalogada como zona de espazo libre. «Coido que temos chegado a un bo acordo que conforma a primeira fase do futuro parque do Agra e que permitirá dotar dunha zona verde ao barrio que máis o precisa tras moitas décadas de agarda», asegurou a alcaldesa.
Explicou que o Concello traballa en paralelo coa AEMET para levar a cabo a apertura do parque do Observatorio, actuación recollida nos Orzamentos Municipais no marco do «Plan de humanización e investimento dos barrios da cidade», cunha primeira fase para o derrubamento dos muros da Canceliña e da rúa Páramo.
Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 24 de maio a 6 de xuño. Con 210 expedientes notificados, dos que 34 foron licenzas urbanísticas e 127 foron obras en réxime de comunicado. Neste sentido, destaca como expediente particular a licenza concedida ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a construción dun edificio de 40 vivendas de promoción pública (VPP) en Xuxán, na parcela Z-13 do barrio.
O novo edificio estará dividido en cinco andares, nos que se repartirán as 40 vivendas e outros tantos rochos, 5 locais e un garaxe 88 prazas de aparcadoiro, divididas en dous sotos. O investimento total do proxecto é de 5,8 millóns de euros.