Continúa medrando a tensión entre o PSOE e Marea Atlántica, que coa chegada das eleccións municipais, sobre todo por parte destes últimos, tratan de facer como que non colaboraron durante os últimos catro anos. O ton do grupo liderado agora por Xan Xove segue subindo e a última carga foi denunciar ao Concello ante a Valedora do Pobo pola «inacción de Inés Rey fronte ao crecemento incontrolado dos pisos turísticos na Coruña e instar o organismo autonómico a investigar e recordarlle ao goberno local as súas obrigas legais ao respecto».
O candidato á alcaldía sinala que “non se pode admitir que a alcaldesa siga de brazos cruzados cando cada mes os datos amosan que a situación empeora. Aumentan os pisos turísticos, aumenta o prezo medio do alugueiro e redúcese o acceso á vivenda. Na Coruña e imposible alugar, e o Concello ten que implicarse. Se non é agora, será a partir de maio”.
Os datos do rexistro oficial da Xunta amosan que en marzo hai 755 pisos turísticos na Coruña, o que supón un aumento do 5% no que vai de ano. E desde marzo de 2020 un 92%, case duplicándose. Pola contra, as vivendas dispoñibles no mercado para alugueiro convencional non chegan ao medio milleiro.
Consideran en Marea que estas cifras levan a outro dato aínda peor: «É unha das causas de que, segundo os últimos informes do Observatorio de Vivenda de Galicia, o prezo medio do alugueiro na Coruña se incrementase en febreiro ata os 582,3 euros, o máis caro entre todas as cidades galegas. En febreiro de 2022, hai un ano, era de 552,2 euros. Encareceuse case un 10% en quince meses».
O impacto das vivendas de uso turístico neste problema está amplamente documentado, mesmo desde o propio sector no proxecto ReviTUR, que conclúe que “detraen oferta do alugueiro convencional, encarecen os prezos, desprazan poboación residente e deterioran as condicións de habitabilidade e a calidade da vida comunitaria”.
Inacción política e inacción administrativa
Destacan dende o grupo que exerceu de muleta para o goberno local dous incumprimentos graves por parte de Inés Rey: «Dunha banda, inacción política: malia a gravidade da situación, tal e como amosan os datos, e os acordos asinados, o goberno négase a regular esta actividade no PXOM, a pesar de que ten competencias para facelo. En segundo lugar, e aquí é onde debe intervir a Valedora do Pobo, unha inacción administrativa: o goberno municipal esquiva de xeito sistemático a súa obriga de fiscalizar e controlar a implantación de pisos turísticos na cidade mediante a concesión do debido título habilitante, incumprindo o que di a a normativa e reitera a doutrina do TSXG (sentenzas STSJ GAL 674/2023, STSJ GAL 2988/2022 e STSJ GAL 2750/2022, entre outras). Por iso acudimos a unha das funcións da Valedora do Pobo, recollida no artigo 32 da lei que regula este organismo autonómico (Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo), que é a de recordarlle ás administracións públicas, previa investigación, os seus deberes legais.
“Non se entende que o PSOE incumpra a normativa como incumpriu case todas as medidas de vivenda pactadas coa Marea Atlántica, deixando que se perdesen 9 millóns de euros do orzamento do ano pasado. E agora nos din que ata despois das eleccións, nada de regular os pisos turísticos. Isto ten que cambiar, ten que chegar un goberno que faga do dereito á vivenda un asunto central”, conclúe Xan Xove.