Moi atrás quedou xa a boa relación entre Marea Atlántica e o PSOE. Unha relación que deixou aos primeiros como socios que permitiron durante catro anos o goberno de Inés Rey. Pero cando as citas electorais están preto, todo parece esquecerse e hai semanas xa que o ton da Marea mudou, con constantes críticas ao Concello, a última no que se refire ao problema do alugueiros na Coruña. Xan Xove, candidato a alcaldía, acusa a Inés Rey de negacionista deste problema e pídelle reacción.
Tanto Xove como a voceira municipal da organización, María García, presentaron hoxe en rolda de prensa un paquete de medidas urxente fronte a alza do prezo do aluguer na cidade, que busca dar resposta ás cada vez maiores dificultades para acceder a unha vivenda: “Cada novo dato e cada novo indicador que coñecemos amosan que na Coruña é imposible alugar, pero Inés Rey e o seu goberno non fan disto unha prioridade. Teñen que saír do seu negacionismo sobre o problema da vivenda”, afirmou Xan Xove.
Aproveitaron para lembrar que en decembro de 2021, a Marea Atlántica asinou un pacto co goberno local centrado no dereito á vivenda. Permitiu que os Orzamentos de 2022 contasen con 9 millóns de euros destinados a políticas de vivenda, pero o goberno local non tivo interese en executalas – tampouco isto impediu que a Marea continuase apoiando as propostas socialistas -.
No tempo transcorrido desde entón, A Coruña converteuse na cidade galega máis cara para vivir de alugueiro: o prezo medio dun piso pasou de 542€ a 575,9 euros, segundo o Observatorio da Vivenda de Galicia. En decembro de 2021 había uns 550 pisos turísticos na Coruña. Hoxe, son 713, segundo o rexistro da Xunta, un 30% máis. En comparación, e segundo informou Fegein, só se atopan 490 vivendas dispoñibles para alugar na cidade. “Na Coruña teno moito máis doado quen ven pasar unha fin de semana que quen quere armar un proxecto de vida”, sinalou Xan Xove.
A última vez que se falou de vivenda no Pleno da Coruña foi en decembro: “Daquela aínda quedaba unha esperanza pequena de que a alcaldesa cumprise algún dos compromisos adquiridos coa Marea Atlántica. Pero non o fixo. Tiña 9 millóns de euros dispoñibles no Orzamento 2022 e permitiu que a maioría deses fondos desaparecesen cando empezamos este novo ano sen novos orzamentos”, explicou María García.
Xan Xove engadiu que “nestes dous meses, só lle vimos facer unha cousa ao goberno local, o anunciado plan para forzar a venda de edificios en ruínas. Toda medida que contribúa a que os inmobles abandonados volvan cumprir a súa función social é positiva, pero o goberno de Inés Rey, como é habitual, escolleu a opción máis conservadora. Pode a alcaldesa garantir que estes edificios rehabilitados non se van converter en pisos turísticos? Non, non pode”.
Inacción e medidas da Marea
Desde o grupo lamentan a inacción do Concello, que deixa a medias ou en anuncios todo o que propón nesta materia: “O concurso público para a compra de vivendas, edificios e soares non se convocou. O Plan Municipal de Vivenda morreu antes de nacer, non se puxo en marcha o Consello Municipal de Vivenda para darlle voz ás entidades sociais. A bolsa de alugueiro de EMVSA non se ampliou alén da emerxencia social. O parque de vivenda en mans do Concello segue conxelado desde o comezo do mandato. O proxecto de vivenda pública en Pontejos avanza con lentitude, e do de Xuxán non se sabe nada. Só que o goberno local anda agora a pedirlle recursos á Xunta despois de deixar que caducaran os que tiña no orzamento”.
Desta maneira, Xove e García presentaron una lista de medidas que van dende a suspensión cautelar das autorizacións a vivendas de uso turístico, á construción das 50 vivendas municipais previstas en Xuxán, pasando pola mellora da bolsa de vivenda de EMVSA, entre outras.