Este xoves tivo lugar o Pleno municipal da Coruña no que se trataron diferentes temas entre os que destacou a investigación que está tendo lugar sobre o Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), que de momento vai polos catro detidos que deben comparecer cada 15 días. Francisco Jorquera deixou varias críticas cara o Concello despois de lembrar que o BNG xa alertara sobre posibles irregularidades.
Inés Rey non fixo demasiadas declaracións sobre o tema nos últimos días, apuntando incluso que o que sabía fora o que lera nos medios de comunicación. Mentres, o candidato nacionalista recordoulle que hai meses dende que no Pleno se tratara este tema: «Os criterios de contratación do persoal e de promoción interna teñen que ser equitativos e transparentes. E estes non son competencia nin dun grupo nin dun señor, senón que son competencia da concesionaria e é obriga do Concello velar pola equidade e a transparencia», apuntaba o pasado 7 de xullo.
Xa entón o propio Jorquera se interesaba en se o goberno local estaba «exercendo algún tipo de tutela para que as políticas de personal na empresa concesionaria se rexan polos principios de equidade e transparencia».
Hoxe o candidato a alcaldía polo Bloque recordáballe a alcaldesa que a situación puido ser atallada moito antes: «Aquí teño a copa da pregunta para resposta escrita na que denunciábamos estas prácticas reprobables. Agardo que a investigación en marcha chegue ata as últimas consecuencias».