Finalmente queda resolto o conflito que durante as últimas semanas protagonizaron o Concello da Coruña e o Deportivo pola cesión do estadio de Riazor. Este venres tivo lugar en María Pita a sinatura da prórroga do convenio que lle permitirá ao equipo branquiazul seguir no estadio herculino 25 anos máis. Así o comunicaba o Concello este mediodía:
«O Goberno municipal aprobou esta mañá en Xunta de Goberno Local o convenio que regula a cesión do estadio de Riazor ao RC Deportivo. O convenio mantén os mesmos termos do que actualmente rixe esa mesma cesión, un documento asinado no ano 2000 e con vixencia ata agosto do ano que vén. A cesión do estadio será por outros 25 anos e será, novamente, gratuíta. O convenio aprobado hoxe xa está asinado polas dúas partes.
Deste xeito, o Concello colabora co Dépor facilitándolle o uso e explotación do campo de xogo e as súas instalacións para que poida disputar os partidos igual que viña facendo até o de agora. O convenio estipula tamén, como no actualmente vixente, que en Riazor seguirá a desputarse o trofeo Teresa Herrera e mantén tamén, a petición do club, que o estadio teña a denominación ABANCA-Riazor nas competicións deportivas.
O Concello, que non percibirá ingreso algún pola cesión do estadio, colabora deste xeito para facilitarlle ao club a súa participación nas distintas competicións.»
A resolución deste problema da paso tamén ás celebracións en María Pita que foron canceladas no seu día. A recepción será este domingo pola tarde.