A Empresa Municipal de Augas da Coruña renova o seu compromiso coa Universidade da Coruña ao asinar o novo convenio da Cátedra Emalcsa-UDC para os próximos tres anos. Foi a presidenta da compañía de augas e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen formalizou este acordo co reitor da universidade, Julio Abalde.
Ábrese así unha nova etapa da cátedra coa que se pretende afondar na relación entre ambas institucións con máis recursos e novos retos. En concreto, Emalcsa achegará 170.000 euros anuais nesta nova etapa. A maior parte desa cifra, 150.000 euros (fronte aos 50.000 iniciais), destinaranse a crear un fondo que permitirá á Cátedra xestionar os diferentes proxectos de innovación de xeito directo. Os 20.000 euros restantes sufragarán os labores de promoción e difusión das actividades. Grazas ao novo convenio Emalcsa e a UDC afondarán na aplicación de criterios de excelencia na calidade da auga distribuída e incidirán na dixitalización de procedementos que permitan un maior control de todo o ciclo.
“O Goberno municipal que presido ten un compromiso coa investigación e o desenvolvemento e o ten tamén coa nosa universidade, por iso desde Emalcsa estamos a impulsar proxectos innovadores, contribuíndo tamén a mellorar as oportunidades dos nosos investigadores e a ofrecer un mellor servizo de abastecemento aos cidadáns”, indicou Inés Rey. Para o reitor, Julio Abalde, a renovación e mellora desta Cátedra, creada en 2017, supón “o recoñecemento ao labor investigador e innovador do persoal científico da Universidade da Coruña implicado e vén demostrar que a relación de transferencia de coñecemento entre a Universidade e as empresas trae beneficios para as dúas partes e, neste caso, reverte directamente na mellora doutro servizo público”.
O novo convenio mantén os obxectivos iniciais da Cátedra de “organizar a investigación e a transferencia no ámbito dos sistemas de auga urbana, para desenvolver unha estratexia de xestión sostible e diferenciada na comunidade autónoma de Galicia”, mais aposta por un novo modelo de xestión e actuación máis complexo con varios órganos de goberno: a dirección da Cátedra, que actualmente ostenta o catedrático de Química Moisés Canle e que sería o responsable final de todas as accións, e o comité de seguimento, responsable da fiscalización e control das actividades. Estará formado polo director xeral de Emalcsa, o vicerreitor de Investigación e transferencia da UDC (departamento do que depende a cátedra) e os directores da cátedra e do departamento de I+D+i de Emalcsa.
Mantense tamén o comité científico-técnico para garantir a calidade e a orientación das actividades, así como para promover as relacións internas entre os diferentes grupos de investigacións e centros da UDC. Está composto por 13 membros, incluíndo representantes das diferentes áreas de coñecemento da universidade. A través deste sistema máis complexo preténdese garantir o éxito das accións pese ao aumento da actividade e recursos que supón este convenio.
Emalcsa e a UDC levaban colaborando máis de 25 anos en diferentes actuacións puntuais. De feito, desde que naceu a área de I+D+i da compañía de augas no 2013, aumentou notablemente o número de actividades conxuntas. Froito desta relación, en setembro de 2017 formalízase esta cooperación e nace a Cátedra Emalcsa-UDC, para optimizar os recursos e as iniciativas.
Durante este tempo desenvolvéronse máis de 30 convenios e contratos que mobilizaron investimentos por un valor total de 35 millóns de euros e que repercutiron positivamente en ambas institucións, pero tamén no tecido empresarial e social da cidade.