O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou este venres no Museo de Belas Artes da Coruña Picasso, branco no recordo azul, a gran exposición coa que a Xunta reivindica a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas, moitas delas representativas do seu período de formación na Coruña e da súa etapa de madurez e consagración. Trátase dunha mostra que se enmarca na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.
O titular de Cultura da Xunta referiuse aos “intensos meses de esforzo” dos comisarios da mostra, Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, que desde marzo de 2021 traballaron de xeito conxunto coa directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, e o equipo técnico-facultativo do museo para ser quen, indicou, de “plasmar a representación máis fiel do paso de Picasso pola Coruña e axudar a través desta exposición a descubrir unha nova perspectiva creativa do autor”.
Román Rodríguez cualificou como “unha honra” sumarse con esta mostra á Celebración Picasso 1973-2023, o programa internacional co que España e Francia planifican 50 exposicións e eventos en Europa e América do Norte no marco do 50 aniversario do pasamento do artista. Picasso, branco no recordo azul é a única proposta galega das 16 que se poderán ver en España no marco desta efeméride.
A través de 10 capítulos
A exposición -que poderá visitarse do 23 de marzo ao 25 de xuño no Museo de Belas Artes da Coruña- analiza desde diferentes miradas ata que punto transcendeu a época coruñesa de Picasso na súa obra de madurez. Para iso estrutúrase a través de 10 capítulos temáticos nos que se reflexiona sobre os aspectos que distinguiron a obra do artista como o gran pintor do século XX e cales delas naceron da súa aprendizaxe na Coruña, onde viviu entre 1891 e 1895. Analízanse desde os temas, as variables iconográficas, os conceptos ou a dimensión de moitas da súas ideas e experiencias coa linguaxe visual. Para cada un destes capítulos seleccionouse, polo menos, unha peza mestra, que se relaciona cunha ou outras do seu período de formación en Galicia.
Deste xeito, poderán verse, entre outras obras, Estudio para la cabeza de caballo, un debuxo prestado polo Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía que foi preparatorio de Guernica, ou o primeiro retrato en lenzo da carreira de Picasso protagonizado pola súa irmá, Dolores Ruiz Picasso, propiedade da Fundación Almine y Bernard Ruiz-Picasso en préstamo temporal ao Museo Picasso Málaga.
Exporase por primeira vez L’Aumone (The Charity), un debuxo realizado en 1898 sobre a prostitución con certa denuncia social ao xustapoñer o pracer cos baixos fondos, procedente dunha colección particular, e tamén se amosará a faceta de Picasso no eido do paisaxismo, pouco explotada polo artista pero si presente na súa etapa coruñesa, xa que foi alí onde comezou a cultivalo como demostra a tablilla na que pintou o rompente das ondas da praia do Orzán propiedade do Museu Picasso de Barcelona que foi doada por Pablo Picasso en 1970. Tamén se poderán ver dúas pezas da serie na que o malagueño reinterpretou o cadro das Meninas de Velázquez.
O bodegón cubista Instrumentes de musique et compotier sur une table –propiedade da Fundación Almine y Bernard Ruiz-Picasso para el Arte en préstamo temporal ao Museo Picasso Málaga– no que aparecen elementos ligados á súa infancia, como a guitarra, a gralla ou unha gaita, son outra das revelacións desta mostra xunto con Maya à la poupée, do Musée Picasso de Paris, unha obra mestra que ten a súa orixe temática na Coruña, e que será outra das pezas estelares da exposición.
Máis de 30 prestadores
En total, a mostra componse de 120 pezas de 35 prestadores internacionais e nacionais procedentes de coleccionistas privados ou institucións como o Museo Picasso de Barcelona, a Fundación Almine y Bernard Ruiz-Picasso para el Arte (FABA), Muse National Picasso de París, Museo Picasso de Antibes, Museo Reina Sofía, Museo Casa Natal de Picasso de Málaga, ABANCA, Escola de Arte e Deseño Pablo Picasso da Coruña, Deputación da Coruña, Fundación Camilo José Cela, Fundación Museo do Gravado e a estampa de Artes de Ribeira, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Museo Picasso de Málaga e Museo da Universidade de Navarra.
Ao redor da mostra, tamén se está a artellar un intenso programa de actividades paralelas, en colaboración co Concello da Coruña, como encontros, conferencias e charlas abertas ao público que contarán coa presenza de especialistas internacionais na obra de Picasso. Afondarase nalgúns aspectos pouco coñecidos da súa traxectoria profesional e tamén sobre a súa etapa en Galicia. Ademais, poranse en marcha ciclos audiovisuais coa proxección de filmes e documentais que permitan coñecer máis sobre o autor, así como actividades musicais e educativas, dirixidas tanto aos escolares como ao público en xeral que incluirán visitas guiadas e obradoiros de pintura.