A Universidade da Coruña inicia o curso coa máxima presencialidade posible. No mes de xullo aprobouse un protocolo de medidas de prevención e hixiene fronte á Covid-19 coas que cada centro organizou logo as súas propias características de espazo e número de alumnado. De forma xeral, contémplase como obrigatorio o uso de máscara, a hixiene de mans e o mantemento da distancia de seguridade que será de 1,2 metros nas aulas e de 1,5 nos corredores. Lémbrase tamén que os centros teñen uns itinerarios establecidos de circulación, a recomendación de ventilación dos espazos e pídese así mesmo que se eviten aglomeracións tanto dentro como fóra das instalacións universitarias.
Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, visitará este luns, 6 de setembro, a Facultade de Informática, no que será o primeiro día de clase do novo curso. O reitor, acompañado polo decano, Mariano Cabrero, realizarán un encontro cos medios de comunicación ás 12:00 horas no vestíbulo da Facultade.
A Facultade de Informática comeza este luns con clases presenciais para os cursos de segundo a cuarto, mentres que para o novo alumnado, de primeiro, haberá unha Xornada de benvida con dúas intervencións, unha ás 10:00 horas e outra ás 16:30h., debido á limitación de aforo. A continuación, o novo alumnado terá un encontro de mentoring con alumnado de cursos superiores e un curso de formación en técnicas de estudo.
———-
Discurso de apertura do curso 2021-2022 no Sistema Universitario Galego do reitor da UDC, Julio Abalde:
“A Universidade da Coruña comprácese en acoller hoxe, de novo, a apertura conxunta do curso no sistema universitario galego.
Congratúlanos poder desenvolver este acto protocolario, pero de clara carga simbólica, case con normalidade, malia o lóxico contexto de restricións e prevencións obrigadas pola persistencia da pandemia que seguimos a sufrir.
Neste día en que se inicia o curso 2021-2022 queremos lembrar a todas as persoas falecidas por causa da covid-19 e expresarlles ás súas familias e amigos a solidariedade das universidades galegas. Tamén a todas as persoas que, dun xeito ou outro, se viron directamente afectadas pola pandemia na súa saúde, nos seus empregos ou nos seus medios e proxectos de vida. Así mesmo, lembramos a todos os colectivos da sanidade (medicina, enfermería, persoal laboral e administrativo, etc.), da educación, das forzas de seguridade, protección civil, traballadores dos servizos esenciais, etc. que aportaron o seu traballo e sacrificio durante todo este tempo de pandemia, e moi especialmente aos que están a participar no proceso de vacinación, tan necesario para acadar a desexada normalidade. A todas e todos, GRAZAS.
Co prólogo da brillante lección inaugural do profesor Luis Hernández reiniciamos a plena actividade académica e científica nos sete campus das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña.
A comunidade universitaria galega enfronta o curso 2021-2022 coa mesma ilusión, compromiso e responsabilidade que todos os cursos.
Poderíase entender que estou a facer unha afirmación meramente retórica, mais quixera que este ano se interpretase na súa deliberada literalidade.
Porque, certamente, o curso que acaba de rematar non foi doado. Non foi fácil nos nosos campus, como non o foi para o resto da sociedade, para o resto da cidadanía, das institucións e das empresas. O curso foi, si, atípico e complexo. Moi complexo.
En marzo do 2020, da noite para a mañá, tivemos que renunciar á presencialidade nas aulas, habilitar sen tempo formatos para clases e exames a distancia e garantir o acceso de todo o alumnado aos medios tecnolóxicos precisos para continuar a súa formación en igualdade de condicións.
As universidades galegas adaptaron as súas actividades ordinarias de docencia, investigación e de xestión en todos os ámbitos, nun exercicio de responsabilidade e corresponsabilidade coido que exemplar por parte do alumnado, do profesorado e do persoal de administración e servizos. Paréceme, señor presidente, señoras e señores, que é de xustiza recoñecelo e agradecelo publicamente.
Do mesmo xeito, cómpre salientar a contribución fundamental dos nosos investigadores e investigadoras que, desde os distintos ámbitos, non só o científico-sanitario senón tamén dende o tecnolóxico, xurídico-social ou humanístico, poñen o seu coñecemento e experiencia ao servizo da sociedade para enfrontarmos as consecuencias da pandemia e para procurar solucións e alternativas urxentes e innovadoras.
Ademais do esforzo persoal, a situación sanitaria esixiu a mobilización de recursos económicos para acondicionar espazos físicos, para potenciar as competencias dixitais, para garantir a conectividade e para acelerar o proceso de dixitalización da xestión e actividade académica, que xa estaba en marcha.
Nesa mobilización de recursos, as universidades galegas contamos cun fundamental apoio do Ministerio de Universidades e da Consellería de Cultura, Educación e Universidades, un apoio que agradecemos e co que as universidades galegas estamos seguros de que seguiremos a contar.
Temos a firme convicción de que o traballo conxunto e a lealdade entre as universidades e entre estas e a Xunta de Galicia son a mellor garantía de fortalecemento do Sistema Universitario Galego.
Cada unha ten o seu perfil propio, as súas especificidades, mais sabemos ben da importancia de sumar recursos para obxectivos comúns e de facilitar sinerxías para reforzar o servizo á sociedade que lle prestan as súas universidades públicas.
Un exemplo deste espírito de colaboración reflectiuse este verán coa sinatura do acordo que deseña o mapa galego de titulacións universitarias ata 2026.
As previsións incluídas neste mapa, coa implantación de novas titulacións, permitirán non só unha repartición consensuada e coordinada entre os distintos campus, senón tamén dar un paso adiante nas titulacións de carácter interuniversitario, en especial dos novos másteres.
Nese mesmo clima de cooperación e entendemento queremos e esperamos levar a bo termo a negociación do novo plan cuadrienal de financiamento do SUG.
Agardamos que o marco financeiro que se estableza responda á necesidade de que as universidades afronten o próximo período cun financiamento estrutural suficiente. Un financiamento acorde co nivel de calidade e de eficiencia que demanda unha educación superior de calidade e unha investigación científica competitiva, á altura dos retos de país na economía do coñecemento.
Estamos seguros de que formación universitaria, investigación e innovación son elementos prioritarios para a Xunta de Galicia, porque son estratéxicos para o país e esperamos en consecuencia que obteñan o financiamento adecuado.
Nos campus españois aspiramos a que a próxima Lei orgánica de universidades instaure un novo modelo básico de financiamento, capaz de reverter, dunha vez por todas, a insuficiencia de recursos públicos e privados dispoñibles para os campus.
Esa insuficiencia sitúanos sistematicamente en inferioridade de condicións cos países do noso contorno, cos que nos comparan. Necesitamos un financiamento suficiente, duradeiro e estable.
Lembremos que non se recuperou o financiamento anterior á crise de 2008 e que o gasto público de España en financiamento universitario está dez puntos por debaixo da media da UE e da OCDE. Urxe, pois, reverter esa situación de “sistema en declive” coa que a Asociación de Universidades Europeas cualifica o sistema universitario español.
Mais, a pesar das escasezas, contamos con universidades públicas de calidade. Universidades nas que se forman os futuros profesionais cos máis esixentes estándares de excelencia. Cómpre, pois, enfrontar esta década decisiva con certezas e confianza no futuro.
Estes días incorpóranse ou reincorpóranse ás aulas universitarias miles de alumnos e alumnas. Nativos dixitais que, como di o informe da CRUE “Universidad 2030”, teñen novas expectativas no uso das TIC, na forma de entender a experiencia formativa na universidade e mesmo nas súas perspectivas laborais e vitais.
A eles temos que lles ofrecer a universidade que lidera o cambio dixital. Cambio nos formatos, nos recursos e no xeito de executar a actividade universitaria. Unha reformulación ambiciosa, innovadora, áxil, na que a docencia presencial debe seguir sendo e seguirá sendo o seu núcleo esencial e na que nos adiantemos ás necesidades da sociedade, nunha contorna moi cambiante.
Falamos, por exemplo, da asunción dos principios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, comezando pola garantía dunha educación inclusiva, equitativa e de calidade, e seguindo polos principios restantes: accións urxentes para paliar o cambio climático, redución das desigualdades, loita global pola tolerancia e os dereitos humanos, etcétera.
Falamos, desde logo, das medidas correctoras precisas para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario, tanto no académico como no científico, e de promover a perspectiva de xénero en todo tipo de actividades nos nosos campus.
A angustia desencadeada pola pandemia, a urxencia por procurar vacinas e tratamentos, mais a procura de solucións alternativas aos problemas derivados da situación sanitaria salientan de forma moi visible a transcendencia de contar cun sistema de I+D+i forte e competitivo.
Constátase, unha vez máis, a importancia de que o coñecemento que se xera nos centros universitarios de investigación estea conectado, de forma estable e fluída, coa contorna empresarial e coas administracións públicas. A transferencia de coñecemento é consubstancial ás universidades do século XXI. Son o motor da sociedade e da economía do coñecemento.
Na súa lección inaugural, o profesor Hernández ilustrábanos sobre a evolución da industria dos contidos, grazas en boa medida á formación nas técnicas audiovisuais dixitais que se desenvolve nos nosos centros universitarios e moi especialmente a través do grao en Contidos dixitais, Animación 3D e Videoxogos que inicia este curso, o seu segundo curso na nosa universidade.
O reto mesmo de “facer visible a imaxinación”, do que falaba o profesor Hernández, pasa hoxe tamén pola sincronía entre a formación e a investigación universitarias, o sector produtivo e, no seu caso, as administracións públicas. Igual no campo da creación cultural que noutros escenarios creativos ou produtivos. O proxecto da Cidade das TIC, aquí, na Universidade da Coruña pero de todo o SUG e todo o país, pode servir de exemplo do alcance relevante que pode ter a colaboración público-privada, dos centros de investigación universitarios, as administracións e o sector empresarial.
En Galicia e en España necesitamos que a suma de esforzos desde o público e desde o privado faga medrar a inversión en investigación e innovación para alcanzar o ambicioso obxectivo fixado no Pacto pola Ciencia e a Innovación, asinado polo Goberno e por preto dun cento de entidades da universidade, da ciencia e da empresa.
Ese obxectivo (alcanzar o 2% do PIB en I+D+i) require, desde logo, un sistema universitario forte, (o 70% da investigación en España realízase nas universidades) dotado cos recursos materiais e humanos oportunos que nos acheguen aos parámetros medios europeos.
Comezamos o curso sen que a pandemia se poida dar aínda por superada. Mais a situación é moi distinta á do ano pasado e farémolo coa máxima presencialidade, con responsabilidade e con vontade de achegarnos o máis posible á normalidade. Por suposto, con todas as medidas sanitarias, cun alto nivel de vacinación dos distintos colectivos universitarios e cos protocolos preparados para nos adaptar ás circunstancias e ás instrucións das autoridades sanitarias en cada momento.
Señor presidente, señoras e señores, o sistema universitario galego abre hoxe o curso 2020-2021. Dámoslle a benvida a todos os membros das tres comunidades universitarias co compromiso de seguir traballando pola calidade na docencia e na investigación, co impulso á transferencia do coñecemento e a innovación, que son as misións que temos encomendadas pola sociedade e que son o que necesita este país.
Máis nada. Moitas grazas”.