O Green Coworking das Pontes acolleu esta mañá a presentación o «Estudo de conectividade a internet da comarca do Eume», enmarcado nunha actuación contemplada no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino «Fragas do Eume», promovido pola Deputación da Coruña e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Nun acto ao que asistiron o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; representantes dos concellos da comarca do Eume, involucrados no desenvolvemento e execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino «Fragas do Eume», así como diversas empresas de telefonía e telecomunicacións de Galicia, Regueira puxo en valor o traballo conxunto de todos os concellos no desenvolvemento deste proxecto.
Ademais, o vicepresidente sinalou o obxectivo dos plans de sustentabilidade turística en destino da Deputación, que pasa por «xerar benestar e emprego, especialmente no medio rural, a través dunha aposta turística sostible desde o punto de vista económico, social e medioambiental». Neste sentido, «estes plans, como o das Fragas do Eume, son sinónimo de competitividade turística e calidade, o que non se entende sen conectividade», apuntou.
O redactor do estudo, Javier Fernández, expuxo os resultados da análise de cobertura de comunicacións móbiles na contorna do Parque Natural Fragas do Eume, mediante a que se avaliaron 380 puntos máis os 62 núcleos de poboación que conforman a comarca do Eume. Así, para a mellora da conectividade, proponse instalar solucións tecnolóxicas á beira do río Eume e no Mosteiro de Caaveiro.