O pleno da Deputación da Coruña aprobou, cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e a abstención de Partido Popular e Marea Atlántica os Orzamentos 2022 da institución provincial, que ascenden a 189.235.000 euros, un 2,57% máis que no presente exercicio, e nos que «a aposta pola reactivación económica, a creación de emprego e o reforzo dos programas de protección social serán os eixes fundamentais da acción do Goberno provincial», segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso, que apuntou que todos os plans e investimentos da Deputación financiaranse con recursos propios, sen apelación ao crédito, mantendo a situación de «débeda cero» dos últimos anos.
«Temos por diante o importante reto da reactivación social e económica tras a pandemia, no que a Deputación vai seguir centrando todos os seus esforzos recursos e investimentos, pero ademais imos facelo de forma xusta, mantendo o reforzo dos programas sociais para non deixar a ninguén atrás na saída da crise», afirmou Valentín González Formoso.
Neste sentido, o presidente anunciou que a Deputación consigna este ano 900.000 euros para a creación dunha oficina de apoio aos concellos para a planificación e desenvolvemento de proxectos estratéxicos vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
Ademáis, o Plan de Emprego Local (PEL) incrementa o seu orzamento inicial un 12%, ata os 12.575.000 euros, reforzando programas como o PEL-Autónomos e PEL-Pemes, que contarán con 5,5 millóns de euros destinados a apoiar as contratacións no sector privado e a subvencionar a cuota de autónomos. O programa de apoio ao emprendemento (PEL-Emprende) contará cun orzamento de 2.760.000 euros que inclúen 500.000 € para unha nova liña de axudas ao sector primario e o de contratacións nos concellos (PEL-Concellos) contará con 3.295.000 euros. González Formoso subliñou que, desde 2016, o PEL permitiu a contratación de 4.013 persoas e concedeu 12.848 axudas a autónomos, pemes e emprendedores/as cun investimento tal de 65,3 millóns de euros en cinco anos.
Tamén contribuirá á reactivación económica o Plan Único, que en 2022 parte cun orzamento inicial de 45,9 millóns de euros para financiar obras e servizos nos 93 concellos coruñeses. Unha cantidade que, como todos os anos, irá incrementándose progresivamente coa incorporación de remanentes ao longo do exercicio. «O Plan Único da Deputación da Coruña transferiu este ano 90 millóns aos concellos coruñeses e financiou máis de 2.700 obras desde a súa creación, polo que está sendo xa un elemento determinante na reactivación económica da provincia, impulsando a creación de actividade económica e emprego, ao mesmo tempo que mellora as infraestruturas e servizos dos municipios», afirmou González Formoso.
«Dimensión social» dos orzamentos
O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, destacou a «dimensión social» dos Orzamentos 2022, cunha consignación de 21,2 millóns de euros na área de Benestar Social que inclúe programas como o de Servizos Sociais Comunitarios, que incrementa de novo a súa partida nun 2,5% ata os 8,3 millóns, o que permitirá contratar arredor de 180 profesionais dos servizos sociais e financiar máis de 370.000 horas de servizo de axuda no fogar nos concellos coruñeses en 2022, 77.000 máis que en 2020.
«Somos conscientes do gran esforzo que supón para os pequenos concellos contar cunha plantilla de profesionais especialistas no eido social, por iso seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos podan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio», afirmou Leira, que lembrou que nos últimos anos o seu goberno duplicou o orzamento desta liña, que pasou de 4 a 8 millóns de euros anuais.
O Plan Único manterá tamén a nova dimensión social que adquiriu durante a pandemia. O POS+ 2022 contará cun Fondo Social de 7 millóns de euros que os concellos deberán investir exclusivamente en fins sociais como o financiamento dos servizos de atención a a maiores e dependentes, axudas de emerxencia social, apoio a colectivos vulnerables, axudas para escolarización, etc.Increméntase tamén ata os 3.192.000 euros (+5%) a partida destinada a subvencións a entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia da provincia.
A Deputación mantén unha partida de 720.000 euros para financiar o servizo de Teleasistencia, do que xa se benefician 2.903 persoas maiores nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia e incrementa nun 31% o orzamento para políticas de Igualdade de Xénero, con 1.370.000 € cos que se financian cuestións como as Rede de Casas de Acollida (A Coruña, Ferrol e Culleredo) e pisos tutelados para mulleres vítimas de violencia machista, o apoio á contratación de axentes de igualdade nos concellos ou os programas de sensibilización destinados a escolares e mocidade.
O orzamento da área de Vías e Obras increméntase un 2,57% ata os 18.981.767 euros, cos que se financiarán obras e melloras nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas. O Plan de Conservación (10,2 M€), os Plans de Sendas e Travesías (2.260.000 €), o de mantemento de desbroce (3,5 millóns) e o Plan VIP de investimentos (1,7 M€) son os principais programas consignados.
A Deputación incrementa tamén lixeiramente o investimento nas áreas de Cultura (9.788.900€, +0,47%) e Deporte (5.224.050€, +0,2%) cos que financiará programas fundamentais para os concellos coma a Rede Cultural, o con máis de 3 millóns de euros para financiar o maior programa de actuacións culturais da provincia, ou o apoio que a Deputación presta á Orquestra Sinfónica de Galicia, con 1.500.000 €. As bolsas para estudos de investigación e artísticas, que se incrementaron un 30% en 2021 manteñen 479.500 euros nos Orzamentos 2022.
No eido do Deporte a Deputación destinará en 2022 unha partida de 1 millón de euros para financiar a contratación de técnicos deportivos nos concellos coruñeses (69 concellos contan a día de hoxe cun técnico de Deportes contratado pola Deputación), 3.006.450 euros para subvencións a clubs e entidades sen ánimo de lucro para promoción e fomento do deporte e 600.000 para melloras en instalacións deportivas.
A Deputación consigna 4.993.000 euros (+21,7%) para a área de Turismo, na que se inclúen apoio a concellos, consorcios e mancomunidades para promoción turística (2,1 millóns de euros) ou axudas a asociacións para a mellora da calidade e competitividade turística (650.000 euros).
Na área de Promoción Económica, cun orzamento de 8.347.024 euros (+14,8%), a Deputación contempla unha achega de 4.302.024 ao Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento para financiar (ao 50% coa Xunta de Galicia) o funcionamento dos dez parques comarcais de bombeiros da provincia e reserva 571.761 euros para a comarcalización do parque de bombeiros de Santiago.
A achega para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) será o vindeiro ano de 992.000 euros (+26%), mentres que as axudas a Protección Civil soben un 9% ata os 175.000 €. Mantéñense as achegas para subvencións a confrarías de pescadores (473.000 euros), fomento do sector agrícola e gandeiro (613.000 €) e contratación de socorristas (306.000€).
Na área de Desenvolvemento Territorial e Medio Ambiente contémplanse 900.000 euros para o programa de limpeza de praias; 1,2 millóns de euros para financiar programas de protección do medio de concellos e entidades e preto de medio millón para os plans de mobilidade ciclsita.
Debate no Pleno
O portavoz do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández, subliñou que o Plan Único supón un investimento anual medio de 90 millóns de euros nos concellos fronte aos 25 millóns do POS na época do Partido Popular. «En catro anos, desde 2018 a 2021, o Plan Único puxo a disposición dos concellos 264,7 millóns de euros. Co POS do Partido Popular levaría 10 anos chegar a este nivel de investimento», afirmou. Tamén lembrou que, co actual goberno, o investimento en materia de emprego pasou de 1 millón anual aos máis de 12,5 millóns actuais.
A portavoz do BNG, María Muíño, afirmou que os orzamentos «responden ao momento no que estamos, concibidos cunha sensibilidade especial para cos datos dunha situación que aínda non deixa atrás a pandemia e, polo tanto, moi centrados na reactivación económica e na xeración de emprego. Mais cando falamos deste orzamento non falamos unicamente de números e cifras, estes orzamentos son moito máis, porque detrás hai xente, postos de traballo, benestar e seguridade, porque se algo me gusta destacar deste goberno é que miramos pola xente que vive nos concellos, sexan da cor política que sexan, que traballamos coas pequenas empresas que precisan axudas para o emprego, e con entidades e colectivos que precisan dos nosos recursos para desenvolver programas de tipo social»
«Un ano máis a Deputación da Coruña volve aprobar en tempo e forma o seu orzamento e isto significa que a partir de hoxe os concellos da provincia da Coruña teñen coñecemento de canto lles corresponde a cada un deles. Isto permítelles traballar xa con esta previsión nos seus propios documentos orzamentarios sabendo ademais que só é o punto de partida e que conforme avance o ano van dispoñer de máis recursos», afirmou Muíño.
O portavoz do Partido Popular, Evaristo Ben, anunciou a abstención do seu grupo, pero criticou que os orzamentos «deixan infraestruturas no limbo» e «non equilibran o territorio». Ben pediu «dotar de máis recursos aos concellos, mellorar a segurdidade vial e aumentar a cohesión social» de cara a 2022. Ben demandou tamén un plan anual de investimentos para a mellora de estradas e criticou a «baixa execución» dos orzamentos anteriores.
Tamén nese aspecto incidiu o portavoz de Marea Atlántica, Alberto Lema, que considerou que incrementar o nivel de execución «é o maior desafío desta institución», aínda que recoñeceu que en parte vén determinada polas restriccións impostas por cuestións coma a regra de gasto.
O portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, que votou a favor dos orzamentos, demandou un maior nivel de investimento, especialmente na área de Vías e Obras, xa que os máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas necesitan investimento para a súa mellora.