O Concello da Coruña afrontará a rexeneración urbana da ría do Burgo da man de David Chipperfield Architects e de Ginkgo Advisor, premiado como o Mellor Fondo Ambiental, Social e Gobernanza do ano en Europa. O proxecto, presentado hoxe no miradoiro das Xubias, busca transformar este ámbito combinando obxectivos medioambientais, sociais e urbanísticos, e integrando á cidadanía no proceso de recuperación.
Para conseguilo, o Concello e a entidade subscribirán un convenio urbanístico co obxectivo de desenvolver esta iniciativa que permitirá rexenerar arquitectónica, social e medioambientalmente a fachada coruñesa da ría do Burgo.
O novo desenvolvemento das Xubias responde aos criterios de sostenibilidade e expansión de zonas verdes impulsados polo Goberno municipal, que no pasado mandato apostou por unha modificación do planeamento neste núcleo, cunha proposta de reducción da edificabilidade de máis dun 60% con respecto á aprobada no ano 2013. «Temos por diante unha grande oportunidade para aportar calidade urbana nas Xubias e para contribuír a rexenerar o núcleo tradicional das Xubias, completar o paseo e gañar equipamentos únicos para o uso cidadán, como o Pazo Guyatt e os seus xardíns», indicou a alcaldesa, Inés Rey.
O proxecto dirixido polo Concello e dan man de Ginkgo Advisor e David Chipperfield Architects, xunto a un equipo de arquitectos coruñeses, abordará a transformación integral das Xubias con numerosas medidas.
Destaca a transformación do frente marítimo dos antigos asteleiros nun espazo público aberto ao mar. Desde alí, crearase unha senda peonil que unirá a praia de Oza coas Xubias de Abaixo, pasando xunto ao Pazo Guyatt, cuxo xardín se incorpora como espazo público. Para isto, levarase a cabo unha limpeza dos soares industriais da zona.
Ademais, tamén se prevé a reubicación do equipamento deportivo de Valiña preto da praia de Oza, asociado aos novos espazos públicos que haberá na zona.
En paralelo, haberá unha intervención nas rúas incluídas no proxecto de recuperación, humanizándoas mediante a súa peonalización e o regulamento do tráfico, mellorando a accesibilidade e a calidade urbana da zona.
A través deste proxecto tamén se busca fomentar a rehabilitación e utilización de vivendas baleiras ou carentes de uso, así como a renovación daquelas que están en ruínas.
Co obxectivo de promover a cohesión social, o proxecto aposta pola integración de vivendas de protección oficial entre as vivendas libres e pola dotación de zonas verdes para o seu uso público e disfrute por parte da veciñanza, favorecendo así a integración social e a aproximación de servizos.
Coa rexeneración urbana da ría do Burgo se prevé a resolución de problemas ambientais e tamén se impulsará a dinamización económica e social da zona. O obxectivo é que o proxecto se convirta nun referente de desenvolvemento urbano sostible, mellorando a calidade de vida dos habitantes da Coruña e promovendo a inclusión social.