8.745.320,76 € é a cantidade que a Deputación da Coruña inviste na comarca de Bergantiños, neste 2024, de maneira inicial, a través do Plan único: a ferramenta que lle permite financiar as obras e servizos públicos dos concellos da provincia. Esta cantidade forma parte dos 50,5 millóns de euros que se destinan a toda a provincia nesta fase inicial do plan, aprobada a finais de 2023 no pleno da Deputación. Así o anunciou esta mañá a deputada de Plans Provinciais, Cristina García, na súa visita a Malpica, onde tamén aproveitou para coñecer unha das obras financiadas, acompañada do alcalde do municipio, Eduardo Parga e parte da corporación municipal.
A deputada lembrou que «grazas ao Plan único (POS+) da Deputación da Coruña, os concellos teñen unha maior autonomía para distribuír os recursos públicos en función das súas prioridades». Trátase, afirmou, «do maior plan de cooperación municipal de Galicia e un dos máis importantes de España». No caso de Malpica, o Plan único destinouse, por unha banda, a cubrir parte do gasto corrente e, por outra, a obras como as actuacións de mellora das infraestruturas na praza da Fonte Vella e rúa Barreiro, que visitaron esta mañá a deputada e o alcalde.
O concello de Malpica de Bergantiños recibe, neste exercicio, unha partida inicial de 407.850€ a través deste plan «pensado para mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza, especialmente dos núcleos de poboación máis pequenos». Unha cantidade que forma parte do investimento total da comarca de Bergantiños, que nos últimos anos recibiu 94.286.119,52 €.
Cristina García sinalou que se trata dunha fase inicial e que «nos próximos meses previsiblemente aprobarase unha segunda fase que habilitará unha nova partida e que incrementará o investimento nos concellos, o que lles permitirá avanzar en novos proxectos».